É certo que hai notables diferenzas entre o noso sistema educativo e o
canadense, pero non tantas como eu pensaba.
Os horarios son diferentes. As clases comezan as nove e rematan ás tres e cuarto; dispoñen de unha hora completa para o almorzo. O alumnado ten catro
sesións diarias de unha hora e cuarto e o profesorado tres sesións, a outra é
para preparación. As sesións de 75
minutos permiten realizar diferentes actividades en cada clase e sobre todo que
o alumnado participe, tanto en debates orais como elaborando e presentando
materiais eles mesmos.
No que respecta ás asignaturas, o alumnado elixe catro por cuatrimestre;
esta distribución é positiva na medida en que evita a dispersión que supón un elevado
número de materias; pero tamén ten unha parte negativa: materias instrumentais,
como as matemáticas ou a lingua que se cursan nun trimestre e non volven a
cursar ata o curso seguinte, o cal pode supoñer que se esquezan totalmente do
que estudiaron. Aínda que quizais este punto
careza de importancia, dado que non se dá tanta importancia aos contidos coma
no noso sistema educativo.
Ademais dos créditos obrigatorios e voluntarios o alumnado participa en
actividades extracurriculares, como clubs e deportes, actividades moi
importantes para a súa integración e identificación
co centro educativo. Temos que recordar
que ademais teñen que realizar unhas horas de actividades de voluntariado
social para acceder ao título de Secundaria. Tamén nas clases se lle dá moita
importancia ao fomento do civismo, da conciencia cidadá e do respecto por todas
as culturas; é habitual dedicar un tempo das clases ao debate sobre cuestións
políticas e sociais de actualidade.
Nas sesións lectivas ás que asistín puiden observar que a metodoloxía do
profesorado é moi diversa, non moi diferente da que se desenvolve nas nosas
clases. O que é moi diferente é a importancia que se dá aos contidos, que
quedan relegados a un segundo plano; isto permite dedicar máis tempo a que o
alumnado participe activamente, preparando e expoñendo traballos. É un dos
aspectos máis positivos do sistema canadense que prima a investigación por
parte do alumnado e a presentación en público.
O profesorado ten aulas propias, nas que desenvolven todas ou a maioría das
sesións lectivas (ás veces desprázanse á aula de Informática da súa área).
Deste xeito poden ter os libros de texto (que son propiedade do centro) na aula
para consultar durante as clases e outros materiais pedagóxicos, así como
decorar a clase cos traballos do alumnado.
O que é ben diferente é o ambiente
xeral do centro, o silencio nos corredores e nas clases, mesmo no tempo do
“lunch” e nos cambios de clase. Tamén destacaría o respecto entre o alumnado e
co profesorado, aínda que tamén fun testemuña de algunha excepción. Un motivo
de conflito, igual que nas nosas aulas, é o uso do móbil, totalmente integrado
na maioría das aulas, co obxectivo de que sexa utilizado como instrumento de
traballo, pero moitas veces empregado para xogar.